Lumes en Galiza, ó PP dálle igual!

O monte galego arde sen parangón. Vimos de ver unha intensa actividade incendiaria no país, mais unha escasa actividade política por parte da Xunta de Galiza e do goberno do Partido Popular, os cales non fixeron nada e restaron importancia ó que estaba e, aínda está mentres escribo este artigo, acontecendo.
O lume está comendo moitos lugares que non contan con ningunha protección pero tamén hai zonas de gran valor ecolóxico da Rede Natura 2000. Isto sen que o goberno de Núñez Feijóo aumente as brigadas contra o lume que, dende setembro, están sendo despedidas. Tamén cabe dicir que as axudas á prevención foron erradicadas por mor dunha “austeridade” atroz.
Con estas perspectivas de; poucos medios, poucas brigadas, monte descoidado, etc non parece de estrañar que o lume e @s incendiari@s estean acabando co noso patrimonio natural. Isto vaise traducir en miles de hectáreas arrasadas (van 14000!! a día de hoxe e aumentando) que farán que moitas especies animais non teñan sustento para se alimentar e vivir, que moita xente que vive no rural non poida alimentar ó gando ou labrar as terras, que moitas especies vexetais tarden décadas en recuperarse…
Non me colle na cabeza como este goberno do PP fai uns anos estaba na rúa manifestándose contra a vaga de lumes do 2006 e ande hoxe “escapado” (Presidente desaparecido, superdelegado da Xunta de Ourense no Bernabeu en Madrid e declaracións institucionais escasas).
A día de hoxe non vin que o presidente galego, Núñez Feijóo dese a cara para informar á cidadanía sobre o que está facendo para poder rematar con esta vaga incendiaria e que vai facer para que non se volva repetir.
Por todo isto penso que debemos esixir responsabilidades políticas ó goberno da Xunta de Galiza para que faga todo o que estea na súa man para rematar cos lumes, retomando as políticas políticas de prevención axeitadas, facer leis que primen as especies autóctonas fronte ás foráneas, loitar contra o abandono do rural e mellorar a xestión dos nosos montes e un longo etcétera.
Xa se sabe a política do Partido Popular; “nin goberna nin deixa gobernar”.

Reforma constitucional a dúas bandas

Despois de moito tempo sen escribir nin unha soa liña neste blog, retomo a miña escritura cun tema de moito calado e de gran polémica social, a reforma constitucional.

Xa é ben sabido por todo o mundo que o PSOE deu un xiro neoliberalista brutal e que se axeonllou ante os mercados financeiros xa hai moito tempo, mais coido que esta vez xa se pasou de tódolos límites e coido non llelo podemos permitir por todo o que supón e ocasionaría. 

Esta reforma constitucional xa debería ser rexeitada só pola súa forma de realizala. Penso que unha reforma de tal importancia non debera realizarse de costas á sociedade e, por riba, entre só dous partidos. Acaso a sociedade non pinta nada? Só hai, no estado español, dous partidos políticos?

Ante esta maneira de reformar e de aplicar modelos neoliberais inxustos coa meirande parte da poboación, como non imos estar en contra d@s polític@s!? Claro que estamos desencantados coa clase política.
Mais ante isto hai que dicir que non tódolos partidos son iguais pois estamos a ver como votaron en contra da reforma; BNG, PNV, ERC-IU-ICV, UPyD e Nafarroa Bai, así como o deputado socialista, Antonio Gutiérrez. Estes partidos están a pensar no ben do conxunto da sociedade e non nos intereses partidistas e financeiros.

Ademais disto eu digo que, se España e o conxunto dos seus políticos, quere demostrar que aínda queda algo de democracia, esta reforma debería ser tombada no Senado e, desta maneira, demostrar que, aínda que en contadísimas ocasións, o Senado pode servir ós intereses xerais da sociedade e non das grandes empresas, da banca e do capitalismo.

NON Ó BIPARTIDISMO

A importancia da xuventude

En Galiza o Partido Popular non ten consideración pola xente nova. Desde hai dous anos o PP non fixo nada que nos beneficiase nin que contribuíse a prestar máis servizos, en cambio podemos citar a supresión da meirande parte das liñas de Noitebús, a lei de convivencia onde se solucionan os conflictos nas aulas con expulsións máis longas, inexistentes políticas de fomento do emprego xuvenil tendo a miles de parados menores de 30 anos e formados perfectamente, paralización dos locais de ensaio e gravación para @s nos@s artist@s musicais, reforma dos centro Quérote para financiar a unha asociación antiaborto, falta de promoción de vivendas públicas e un longo etc.

A situación da xuventude hoxe é moito peor cá de hai uns anos porque se pensa que a xente nova non importa ou, máis ben, que non interesa xa que non imos ir votar en masa. É precisamente por esta razón pola cal non gastan os cartos en políticas xuvenís.

Cando se criminaliza á poboación máis nova e non se lle ofrecen recursos e servizos para desenvolver as súas actividades, estas potencialidades botaranse a perder por falta de desenvolvemento, porque llas estaremos limitando e cortando. Pensemos un momento.
Cando se constrúe un centro social, casa da xuventude, etc estase a crear unha instalación que permite á xente máis nova ter un lugar para desenvolver as súas capacidades sexan cales sexan (pintura, música, fotografía, escritura…) que xunto compaxinadas cunha boa programación cultural e deportiva, potenciarán a creatividade e as súas potencialidades.
Cando se constrúen vivendas de promoción pública, estase a dar a oportunidade para que moitos mozos e mozas poidan emanciparse e ter a unha vivenda digna, xa sexa en réxime de alugueiro ou compra.
Cando se apoia o asociacionismo estamos apostando pola autoorganización polo autodesenvolvemento propios.

Podería seguir enumerando exemplos de todo canto non se está a facer desde a Xunta de Galicia por mor da “austeridade”.
Realmente queremos que nos nosos concellos deixen de lado ou continúen a se deixar de lado as políticas xuvenís? A resposta é sinxela. O 22 de maio Vota!! entre tod@s podemos facer que a situación dos nosos concellos cambie, porque alí onde está o BNG a mocidade non é un estorbo, non se lle ignora. Faite escoitar e pensa que hai un partido que conta contigo.