Luís Pérez Barral: «O PP non é invencible e son posibles outras políticas»

O concelleiro ribeirense vén de reeditar o apoio da asemblea para liderar a organización no camiño ás eleccións municipais

Aínda non cumprira os 30 cando foi designado por primeira vez responsable comarcal do BNG en Barbanza, e vén de ser reelixido para comandar a formación nacionalista nunha etapa que pode ser decisiva para unha organización que aspira a ocupar a Xunta de Galicia. A empresa parece difícil, pero Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) está disposto a traballar arreo para logralo.

—Que balance fai da súa primeira etapa como responsable comarcal do BNG?

—O traballo que se fixo foi positivo, sobre todo nun momento de dificultades evidentes. A asemblea trasladou a todo o consello comarcal os parabéns polo labor que se fixo. A valoración persoal tamén é moi boa, e agradézolle aos compañeiros que me avalen de novo porque iso quere dicir que as cousas se están facendo ben. Ilusión para enfrontar os retos que temos diante non me falta, imos traballar para trasladarlle á veciñanza de Barbanza a alternativa que presentamos como partido político.

—Cales son eses retos?

—O primeiro que temos por diante é ensanchar a base social para reforzar o BNG como alternativa política ao PP. E logo traballar para unhas municipais que xa están aí, para presentar unha alternativa sólida para dar o salto ás alcaldías.

—Están pensando xa en candidatos para as municipais?

—Queda moito tempo para pensar en candidatos, o que se está é reforzando a organización e traballando con colectivos e entidades sociais para coñecer as súas inquedanzas. Cada vez máis persoas se están achegando á nosa organización e avalando o noso traballo cos resultados nas eleccións estatais e nas autonómicas, nas que nos situamos como segunda forza, e esperamos seguir reforzándonos nas municipais e, por suposto, chegar ao Goberno da Xunta de Galicia.

—Falaba de ensanchar a base, falta canteira no BNG barbancés ou é necesaria a masa social para lograr os seus obxectivos?

—Relevo estao habendo dende o momento en que unha persoa de 31 anos está coordinando o BNG a nivel comarcal. Pero se queremos seguir subindo e gañando representación temos que seguir sumando. E temos que seguir en contacto coa cidadanía para trasladarlle que hai outra forma de facer política pegada ás persoas e que a alternativa do BNG vai ser positiva para a masa social da comarca e de todo o país.

—Que problemas quere resolver o Bloque como alternativa política? Cales son as preocupacións máis urxentes?

—Basicamente son tres. O reforzamento dos servizos públicos: no hospital do Barbanza falta persoal, hai un colapso nos centros de saúde da comarca, os recortes en educación son evidentes e hai un malestar social que o PP non está atendendo. En segundo lugar, temos que conseguir crear emprego. A crise económica afecta a moitos sectores e temos que evitar que a xente nova teña que emigrar porque aquí non ten unha alternativa laboral. E en terceiro lugar queremos mandar unha mensaxe optimista, a esperanza de que hai alternativa e outra forma de gobernar, o PP non é invencible e son posibles outras políticas centradas na xente e movidas exclusivamente polos intereses de Galicia.

—Como pensan trasladar iso a Barbanza?

—Estando apegados á realidade social, como vimos facendo nos últimos meses, e trasladar os problemas da veciñanza ao Parlamento a través da nosa deputada ou coas emendas aos presupostos de Xunta e Estado. Imos seguir traballando man a man cos veciños.

Entrevista publicada por La Voz de Galicia o 12 de decembro de 2021

Catro liñas sobre Catalunya

Pequeno comentario sobre os acontecementos políticos intensos que vivimos estes días.

Catalunya leva moito tempo intentando dialogar, nos últimos anos até 18 veces lle solicitou ao goberno central diálogo para mudar o seu status, que fixo España? Sempre dixo non.

Podería dicirse que coas leis pasa como coas linguas, non poden manterse indefinidamente inmutábeis, as linguas que non mudan son as que están mortas. Coas leis é o mesmo, se non se actualizan e non recollen o sentir da xente non serven para nada. Por outra banda, tampouco temos as mesmas leis que hai 100, 200 anos verdade? Pois iso. En Catalunya existe unha base social moi importante que non lle gusta o estado actual das cousas e polo tanto queren decidir o seu futuro, o que non se pode é ficar inmóbil ou dar sempre a negativa por resposta.

Hoxe o Govern, fai o que lle pedían certas persoas e partidos, non declarar a independencia co fin de tender a man ao diálogo, basicamente niso consiste a política, en escoitar e tentar chegar ao entendemento. A unhas persoas gustarálles a e a outras non.

Agora ben, para chegar a un entendemento, hai que ter vontade de chegar a el, cousa que até o de agora non tivo ningún goberno central porque “la ley es la ley”. Curioso que isto non lles acordara cando prevaricaban, desfalcaban ou mesmo cando mudaban a Constitución en 15 días para pór o pagamento da débeda por riba do interese social.

Entendo que haxa xente que estea en contra da independencia, é lexítimo, tamén a hai quen está a favor dela, o que non se pode é manter o estado das cousas á forza bruta ou porque nada se quere tocar. É incríbel e preocupante que nestes días hai moitas faltas de respecto para quen pensa diferente e defende o dereito a que os pobos decidan o seu futuro. Mesmo hai fascistas que agreden impunemente a persoas que se manifestan pacificamente. Malia este ambiente e con todo o sistema en contra, tamén somos moitas persoas as que pensamos que desde o respecto todo se pode.

En fin, como ben dixo Catelao, “a loita nobre e leal das ideas é a que asegura o progreso” pois saibamos progresar.

Seguir lendo “Catro liñas sobre Catalunya”

Sobre bandeiras e politización. Bandeiras que fan máis mal que o propio mal

DSC04365555As persoas que estamos comprometidas con causas sociais, con organizacións políticas ou sindicais, dun tempo a esta parte asistimos a un aumento da criminalización pola exhibición de logos e simboloxía propia de organizacións políticas ou sindicatos, aumentando a crítica de xeito exponencial se son de ámbito nacionalista.

Seguir lendo “Sobre bandeiras e politización. Bandeiras que fan máis mal que o propio mal”

A %d blogueros les gusta esto: