Sobre min

Luis Perez Barral

Ola!
Primeiro quero darche as grazas por entrar neste caderno de viaxe e descubrir cousiñas que aquí vou poñendo e algo do que eu son.

Sonche un galego nacido o 7 de maio do ano 1990 na localidade de Ribeira aínda que sempre me gustou considerarme da parroquia de Artes, onde pasei toda a miña infancia e adolescencia, esta parroquia para min é sinónimo de alegría, familia e bos momentos.

Estudei na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o Grao de Lingua e Literatura Galegas, o que antigamente viña sendo Filoloxía Galega, na que tamén cursei estudos de Lingüística Xeral.

O Luís político

Comecei a interesarme pola política desde ben mozo e no 2009 decidín comezar a militar no nacionalismo da man do Bloque Nacionalista Galego e de Galiza Nova, un ano máis tarde fun responsábel de Galiza Nova en Ribeira. No ano 2012 tomei posesión como edil do Concello de Ribeira con só 21 anos, sendo a persoa máis nova da Corporación Municipal. En novembro do mesmo ano saio elixido responsábel de Política Institucional na Comisión Permanente de Galiza Nova, responsabilidade ocupo até maio de 2016.
Nas eleccións municipais de maio de 2015 tiven a honra de que as compañeiras e compañeiros me elixisen para ser o número 2 da candidatura do BNG de Ribeira co que continúo a desempeñar o meu traballo como representante público. En 2017 os compañeiros e compañeiras da Barbanza escóllenme responsábel comarcal do BNG. Tamén levo a comunicación do BNG ribeirense e comarcal.

O Luís traballador

No ámbito laboral, teño traballado de monitor de ocio e tempo libre en varias empresas da Barbanza e de camareiro-relacións públicas durante case catro anos, tarefa que compatibilizaba cos meus estudos. Tras unha chamada estiven durante 6 meses traballando de comercial de Vodafone na tenda que ten en Ribeira. Logo diso xurdiu uha oportunidade de traballar na asociación A Mesa pola Normalización Lingüística, posto ao que optei e me contrataron en marzo de 2017. A día de hoxe continúo traballando como técnico de normalización lingüística na Mesa pola Normalización Lingüística na cal tamén fago labores de xestor de comunidade.
No ano 2018 comecei a traballar tamén no Concello de Outes como técnico de normalización lingüística, traballo que compatibilizo co da Mesa.

O Luís social

No tema social dicirvos que desde que coñecín á miña parella, impliqueime na loita do pobo saharauí, e colaboro coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí nas súas campañas e actividades. Nese compromiso solidario viaxei no 2012 aos campamentos de refuxiados/as no deserto do Sáhara. Na medida do posíbel tamén colaboro coa asociación Altofalante, implicada na promoción e defensa da cultura e lingua galegas.

O Luís persoa

A nivel persoal, sonvos falangueiro, optimista e moi soñador. Son dos que cren na política como ferramenta esencial coa que transformarmos o mundo no que vivimos e contribuír á mellora da vida dos pobos.
E por que nacionalista galego? Pois porque creo que Galiza é unha nación e debemos estar no mundo en pé de igualdade a outros pobos e nacións.

No meu tempo libre gosto da fotografía, aínda que de pequeno e durante 10 anos a miña paixón foi a pintura e o debuxo. Encántame poder camiñar polo monte cos cans e facer rutas sendeiristas.

A lingua, un privilexio inmaterial coa que construírmos a nosa propia realidade, a nosa forma de ser e estar no mundo.

Queres saber máis de min? Non sexas preguiceiro ou preguiceira e contacta comigo, unha conversa é mellor que o rollo que eu poida escribir aquí. 😉

Desde os soños, até conquistarmos as nosas arelas!

Advertisements