Non ao borrador sobre o galego do PP

O borrador presentado pola Consellería de Educación o día 30 de decembro debe ser rexeitado por todos os grupos políticos, asociacións e sectores da sociedade.

Decreto de 247/1995:35% materias en galego
Decreto 124/2007: 50% materias en galego
Decreto de 2009:33% materias en galego

O goberno de Feijoo vai ser o primeiro, en toda a historia da democracia, que aprobe unha medida para a involución do galego no ensino.
O decreto do 2007 é un texto ambicioso que pretende que o alumnado saia da ensinanza obrigatoria cunha competencia idéntica, tanto en galego como en castelán. Un dato: debe incidirse máis nos sectores máis novos da sociedade, xa que son os grupos que máis castelanizados se atopan.
Ademais, contempla que os equipos de dinamización e normalización lingüística fomenten o uso da lingua galega no centro.

Eu estou a favor do decreto do 2007 porque é igualitario, ademais, o castelán ten presenza en moitos máis lugares que o galego (Ex. radios, xornais, cadeas de televisión, internet, publicidade, comercio(un 60% nunca usa o galego) , etc.) nos lugares citados o castelán predomina sobre o galego.
Tamén opino que se deberían manter as partidas relacionadas coa promoción da lingua galega, xa que o PP, co pretexto da crise reduciu as partidas destinadas a todo o que tiña que ver con este apartado, como poden ser as clases de inmersión lingüística en galego para contornos castelanfalantes, redución das subvencións aos equipos de normalización e dinamización lingüística, etc.
Aquí vos deixo o enlace para que vexades o decreto do 124/2007 e me digades se é tan malo e tan impositivo como din os de Galicia Bilingüe ou os do Partido Popular.

Un saúdo

Privatización da educación en Galiza

O goberno do Partido Popular, que preside a Xunta de Galiza, vai a destinar un total de 258 millóns de euros anuais o que supón, algo máis de 1.000 millóns de euros en catro anos, ao financiamento do ensino privado e concertado.
Así pois, non se reducen os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades nas que os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado.
Dentro deste concerto de axudas, están incluídos varios colexios do Opus Dei. Ditos colexios, segregan por razóns de sexo, un feito polo cal non poden recibir axudas públicas pero parece que isto, a Feijóo, dálle igual.
Todas estas actuacións estanse a realizar ao tempo que se elimina a gratuidade de libros, xa que, segundo os do PP, ese sistema era demasiado caro.
Agora ben, pensemos un pouco, que é mellor? Que se merquen libros e que poidan servir durante catro anos ou darlle axudas as familias, tódolos anos, para que ao rematar o curso tiren cos libros que poderían utilizar outros nenos? Xulguen vostedes mesmos.
Outro dato, mentres que se destinan 258 millóns de euros para a educación concertada e privada, tan só se van a destinar 7 millóns de euros á subvención de libros. Isto para min é un escándalo, pero parece que moita xente segue sen darse conta.