Reiniciando o BNG: traballo, ilusión e afouteza

O día de onte, foi un gran día, durante 12 horas centos e centos de militantes participamos na XV Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego na cidade da Coruña, lugar escollido non por casualidade, senón por ser un espazo simbólico para o nacionalismo galego. Esta nobre vila viu nacer as Irmandades da Fala no ano 1916 e viu como en 1982 nacía tamén o BNG.

Seguir lendo “Reiniciando o BNG: traballo, ilusión e afouteza”

Lumes en Galiza, ó PP dálle igual!

O monte galego arde sen parangón. Vimos de ver unha intensa actividade incendiaria no país, mais unha escasa actividade política por parte da Xunta de Galiza e do goberno do Partido Popular, os cales non fixeron nada e restaron importancia ó que estaba e, aínda está mentres escribo este artigo, acontecendo.
O lume está comendo moitos lugares que non contan con ningunha protección pero tamén hai zonas de gran valor ecolóxico da Rede Natura 2000. Isto sen que o goberno de Núñez Feijóo aumente as brigadas contra o lume que, dende setembro, están sendo despedidas. Tamén cabe dicir que as axudas á prevención foron erradicadas por mor dunha “austeridade” atroz.
Con estas perspectivas de; poucos medios, poucas brigadas, monte descoidado, etc non parece de estrañar que o lume e @s incendiari@s estean acabando co noso patrimonio natural. Isto vaise traducir en miles de hectáreas arrasadas (van 14000!! a día de hoxe e aumentando) que farán que moitas especies animais non teñan sustento para se alimentar e vivir, que moita xente que vive no rural non poida alimentar ó gando ou labrar as terras, que moitas especies vexetais tarden décadas en recuperarse…
Non me colle na cabeza como este goberno do PP fai uns anos estaba na rúa manifestándose contra a vaga de lumes do 2006 e ande hoxe “escapado” (Presidente desaparecido, superdelegado da Xunta de Ourense no Bernabeu en Madrid e declaracións institucionais escasas).
A día de hoxe non vin que o presidente galego, Núñez Feijóo dese a cara para informar á cidadanía sobre o que está facendo para poder rematar con esta vaga incendiaria e que vai facer para que non se volva repetir.
Por todo isto penso que debemos esixir responsabilidades políticas ó goberno da Xunta de Galiza para que faga todo o que estea na súa man para rematar cos lumes, retomando as políticas políticas de prevención axeitadas, facer leis que primen as especies autóctonas fronte ás foráneas, loitar contra o abandono do rural e mellorar a xestión dos nosos montes e un longo etcétera.
Xa se sabe a política do Partido Popular; “nin goberna nin deixa gobernar”.

Quero unha política diferente

Eu non fun! foi Pepito!” ou “pero el máis!” son as expresións que adoita empregar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Non as usa literalmente pero é o trasfondo dos seus discursos no Parlamento galego e nas súas intervencións públicas.

Parece que todo o que lle acontece a Galiza e á cidadanía é culpa do terrible goberno español, xa que parece que é quen nos goberna, porque Galicia non ten goberno propio para as cousas malas. Mais cando hai unha boa nova no país, si parece que temos un goberno propio ó que lle debemos agradecer o mérito. Os dous primeiros anos todo era culpa do bipartito, tras estes dous anos de crítica e de destrución de todo o feito agora tócalle ó goberno central.

O anterior reflicte a falta de responsabilidade do Partido Popular, xa que é intolerable que se lle bote a culpa de todo o que nos pasa ó goberno do Estado (que en parte tamén a ten, pero non toda) e non se intente facer nada desde o pouco autogoberno que presenta o noso país. Así, parece ridículo queixarse das poucas competencias que posuímos en materia de emprego pero que se neguen a reformar o Estatuto de Autonomía para avanzar cara un país con máis autogoberno e que os problemas que nos afecten se poidan solucionar desde Santiago e non desde Madrid. Desta maneira, mentres o PP está atarefado con demostrar que o presidente Zapatero é un homiño con cornos de cor vermella e un tridente, en Galicia segue medrando o paro dunha forma xigantesca.

Non creo que o noso país mereza un goberno e un presidente como os que por desgraza temos. Non merecemos ter un presidente que se vaia tódolos meses fóra do país para facer campaña política noutras comunidades e se esqueza do cargo que ten e das súas responsabilidades. Un goberno que menospreza cuestións como a lingua, a cultura e ás súas figuras máis emblemáticas non pode guiar o noso futuro. Uns conselleiros e conselleiras que ante un problema só dean escusas e non intenten amañalo.

A pesar diso hai partidos en Galiza que tentan sacar as cousas adiante e traballan por e para o pobo galego. Convido a que miredes o seu traballo e pensade de cara as próximas eleccións. Ides premiar a uns dirixentes incompetentes que non tentan solucionar nada ou, pola contra, darédeslle unha oportunidade a quen o pode facer ben, pensando na sociedade e dun xeito diferente?