Paralizan a declaración de parque natural dos Ancares

O conselleiro de Medio Ambiente, territorio e infraestruturas conxelou a declaración dos Ancares como parque natural, non cumprindo co programa electoral do PP, no que se establecía: “Impulso á declaración de novos espazos naturais protexidos, e a ampliación da superficie do territorio incorporada á Rede Natura”. Esta paralización débese, segundo fontes da consellería, que o proceso tópase coa negativa dos veciños do lugar. Na realidade, son dous concellos os que se opoñen a esta declaración.

Esta zona é de grande importancia ambiental, xa que conta con cinco categorías de protección: reserva nacional de caza, zona de protección do oso pardo, lugar de importancia comunitaria (LIC), zona especial de protección de valores naturais e zona especial de protección de aves(ZEPA). Ademais, o espazo forma parte da Rede Natura e foi distinguido pola Unesco como reserva da biosfera no 2006.

Todo isto, supón un grao de protección importante, pero deberíase declarar como parque natural para mellorar e afianzar, máis aínda, a súa conservación.

Desde a propia consellería afírmase que, cando se acade consenso, volverase a retomar o proceso pero non están a facer nada para acadalo.

Por todo isto, o conselleiro debería seguir co proceso iniciado polo anterior goberno e buscar a mellor solución para todos. Ademais, Galiza é unha das comunidades autónomas con menor territorio protexido, cun 12%.

A zona, tería que verse recompensada coa creación de empregos e con inversións, por parte da Xunta, para promocionar o turismo sostible, o asentamento de industria e de poboación que sexa compatible coa existencia do que sería o 8º parque natural de Galiza.