Goberno inculto

Este artigo foi escrito por Marcelino Fernández Mallo e eu non podería estar máis de acordo con el. Póñoo aquí para que vexades o que di, xa que segundo a miña opinión ten toda a razón:

Galicia configura o que se coñece como “un área cultural”, isto é, un territorio delimitado no cal os seus habitantes levan compartindo durante un período de tempo prolongado, unhas pautas de común comportamento consonte ós hábitos, á relación co medio, e o modo de manifestárense e comunicárense. Quen pode dubidar de Galiza contar cunha cultura propia! Cultura que, na súa aceptación individual, vén significando “cultivo do espírito” –o factor que dá sentido ó ser humano– mentres que no sentido colectivo, representa o elemento incontestable de identificación dunha comunidade –factor que dá sentido ós pobos e ás nacións.

Na pasada fin de semana, celebrouse na Coruña a Feira da Industria Cultural Galega, á cal houbo que chamar “Achegarte” para diferenciala da “Culturgal” dos anos anteriores. Na edición de 2008, “Culturgal” atraeu 35.000 visitantes interesados na Cultura do País, no que desenvolven as empresas dedicadas á produción e promoción de produtos baseados na cultura galega. Quizais con esa idea na cabeza, os organizadores de “Achegarte”, amantes do noso principal risco diferenciador, engadiron na convocatoria o lema “A cultura que facemos, a cultura que queremos.”

Malia ese carácter esencial intrínseco ó propio concepto cultural e a pesar da necesidade de promoción dunha industria feble e vulnerábel, o goberno galego rexeitou organizar o que debería ter sido “Culturgal 2009”. Talvez asustouno o éxito de Cultural 2008 o cal daba a pensar que a curiosidade e o interese sobre o noso podía contribuír a espertar ese xigante durmido, tan temido pola dereita, do galeguismo sustentado na defensa da propia identidade. Así que a Xunta cedeu involuntariamente a remuda ó Concello e á Deputación da Coruña que aproveitaron a oportunidade que lles brindaron os medos do Partido Popular.

Non sei se tal apaño será posible noutra das aldraxes deste goberno cara á cultura do País. Refírome á expulsión da Central Folque da Escola de Altos Estudos Musicais. Este Centro Galego de Música Popular representa un proxecto exemplar onde acubillar os sons, notas, ritmos e danzas que forman parte da mesma cerna da cultura galega. Axiña osmaron o perigo, por “centro de música popular” deberon entender “cova de nacionalismo alborotador”, algo así, seica. E retiráronlle o apoio. 160 alumnos dispostos a facer da música con raigame na terra a súa vía de desempeño profesional. Sumamente perigoso, disque.

Pode haber máis. Estes días celébrase a vixésimo terceira edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara nesta cidade mexicana, un dos principais eventos que se celebran no planeta en relación ó libro. Cada ano, os organizadores escollen unha cultura á cal ofreceren un papel estelar no espazo e na programación. En anos anteriores, concorreron España (2000), Cataluña (2004) e Andalucía (2006). Para dar unha idea do nivel do acontecemento, a presentación dos actos organizados pola Xunta de Andalucía estivo presidida por Gordimer, Saramago, García Márquez e Carlos Fuentes. O goberno galego anterior levara a cabo arduas xestións para conseguir que a literatura galega fose convidada de honra da Feira Internacional de Guadalajara nun dos vindeiros anos. O goberno actual parece dubidar se tira proveito desta grande oportunidade.

Os parágrafos anteriores confirman o devastador programa culturicida posto en marcha polo goberno galego do Partido Popular. Eles xustifícano na falta de cartos (e son os mesmos que promoveron o Gaiás!!). Outros pensan que se trata dun perverso cálculo político. Eu cada día inclínome máis por outra razón: a de que conforman, en realidade, un goberno sen corazón; un goberno, así pois, inculto.

PPdeG, brigada de desmontaxe

O goberno de Núñez Feijóo, está tentando desmantelar todos os vestixios do goberno pasado, para que ninguén recorde o que fixo ben pero si, para que recorde o que fixeron mal. Con isto, refírome ás actuacións que está a levar a cabo nas diferentes consellerías.
No que se refire aos servizos sociais e de asistencia, está reducindo orzamentos destinados, como por exemplo, ao servizo de transporte de persoas dependentes, aos centros de saúde, por parte das ambulancias, isto está sucedendo na comarca do Barbanza. A redución nas partidas orzamentarias destinadas á Sanidade Pública, por exemplo o Hospital de Vigo vai a ter menos camas, non vai ter laboratorios de investigación médica e a eliminación da futura área de queimados. A semi-privatización do novo Hospital de Pontevedra.
Outro caso é a supresión de 19 oficinas de I+B (Igualdade máis Benestar) con 61 traballadores que prestan servizos ás familias, adolescentes, infancia, terceira idade, poboación reclusa, etc. Facendo labores de inclusión social, apoio e servizo de información ás familias, prevención da violencia de xénero… e non só nas cidades, senón tamén no rural.
Tamén se baixa a cantidade destinada á educación pública, mentres sobe a destinada aos colexios concertados e privados, que van a levar máis de 200 millóns de euros; a redución dos cartos para as universidades e, polo tanto, co consecuente empeoramento da educación.
Con respecto ao dito no parágrafo anterior, hai que dicir que van ser despedidos 9 científicos, por mor da redución de cartos destinados á investigación nas universidades galegas.
Empeoramento do medio ambiente, coa redución de 447 hectáreas do parque natural Baixa Limia-Xurés, para que Iberdrola poida instalar un parque eólico; non aprobaron a moción do BNG, presentada no Parlamento de Galiza, na que se instaba á Xunta a prohibir a instalación de máis centrais e minicentráis hidroeléctricas nos ríos galegos, para evitar a súa degradación.
Redución das partidas destinadas á normalización e dinamización lingüística así como tamén aos equipos que realizan estas tarefas.
Este é o goberno que temos, un goberno que só lle interesa satisfacer os intereses empresariais e non os da sociedade xeral.

Un saúdo

Privatización da educación en Galiza

O goberno do Partido Popular, que preside a Xunta de Galiza, vai a destinar un total de 258 millóns de euros anuais o que supón, algo máis de 1.000 millóns de euros en catro anos, ao financiamento do ensino privado e concertado.
Así pois, non se reducen os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades nas que os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado.
Dentro deste concerto de axudas, están incluídos varios colexios do Opus Dei. Ditos colexios, segregan por razóns de sexo, un feito polo cal non poden recibir axudas públicas pero parece que isto, a Feijóo, dálle igual.
Todas estas actuacións estanse a realizar ao tempo que se elimina a gratuidade de libros, xa que, segundo os do PP, ese sistema era demasiado caro.
Agora ben, pensemos un pouco, que é mellor? Que se merquen libros e que poidan servir durante catro anos ou darlle axudas as familias, tódolos anos, para que ao rematar o curso tiren cos libros que poderían utilizar outros nenos? Xulguen vostedes mesmos.
Outro dato, mentres que se destinan 258 millóns de euros para a educación concertada e privada, tan só se van a destinar 7 millóns de euros á subvención de libros. Isto para min é un escándalo, pero parece que moita xente segue sen darse conta.