En Galiza o Partido Popular non ten consideración pola xente nova. Desde hai dous anos o PP non fixo nada que nos beneficiase nin que contribuíse a prestar máis servizos, en cambio podemos citar a supresión da meirande parte das liñas de Noitebús, a lei de convivencia onde se solucionan os conflictos nas aulas con expulsións máis longas, inexistentes políticas de fomento do emprego xuvenil tendo a miles de parados menores de 30 anos e formados perfectamente, paralización dos locais de ensaio e gravación para @s nos@s artist@s musicais, reforma dos centro Quérote para financiar a unha asociación antiaborto, falta de promoción de vivendas públicas e un longo etc.
A situación da xuventude hoxe é moito peor cá de hai uns anos porque se pensa que a xente nova non importa ou, máis ben, que non interesa xa que non imos ir votar en masa. É precisamente por esta razón pola cal non gastan os cartos en políticas xuvenís.
Cando se criminaliza á poboación máis nova e non se lle ofrecen recursos e servizos para desenvolver as súas actividades, estas potencialidades botaranse a perder por falta de desenvolvemento, porque llas estaremos limitando e cortando. Pensemos un momento.
Cando se constrúe un centro social, casa da xuventude, etc estase a crear unha instalación que permite á xente máis nova ter un lugar para desenvolver as súas capacidades sexan cales sexan (pintura, música, fotografía, escritura…) que xunto compaxinadas cunha boa programación cultural e deportiva, potenciarán a creatividade e as súas potencialidades.
Cando se constrúen vivendas de promoción pública, estase a dar a oportunidade para que moitos mozos e mozas poidan emanciparse e ter a unha vivenda digna, xa sexa en réxime de alugueiro ou compra.
Cando se apoia o asociacionismo estamos apostando pola autoorganización polo autodesenvolvemento propios.
Podería seguir enumerando exemplos de todo canto non se está a facer desde a Xunta de Galicia por mor da “austeridade”.
Realmente queremos que nos nosos concellos deixen de lado ou continúen a se deixar de lado as políticas xuvenís? A resposta é sinxela. O 22 de maio Vota!! entre tod@s podemos facer que a situación dos nosos concellos cambie, porque alí onde está o BNG a mocidade non é un estorbo, non se lle ignora. Faite escoitar e pensa que hai un partido que conta contigo.