Parece que neste ano 2012, teremos que facer fronte a máis desemprego, a máis impostos, a máis austeridade, a máis corrupción, a máis destrución, etc

Comecemos polo emprego. Neste ano 2012 o estado español agarda máis desempregad@s, por se os que engrosan as listas do INEM non abondaran. Que vai facer o goberno do PP? Parece que resignarse a manter a axuda dos 400€ a desempregad@s de longa duración e a tentar manter as cousas máis ou menos para que non empeoren máis do que xa están.
No Estado hai moitos problemas pero os que máis preocupan neste momento son os do déficit e o paro. Se non creamos emprego dificilmente poderemos reducir o déficit público xa que non ingresaremos diñeiro d@s contribuíntes, polo tanto, o señor Rajoy e o seu equipo dedicen subir os impostos. Ás persoas con máis recursos? Pois claro que non, súbelle-los á clase traballadora (debe ser porque temos poucos).
Como coa vía da suba de impostos non vai recadar todo o necesario, para non incorrer nese temido déficit e que a Unión Europea, os mercados e as empresas de cualificación (verdadeiros voitres) non se nos boten enriba haberá que reducir o investimento público. Que pasará entón? Despois disto, haberá máis desemprego porque a inversión caerá e con ela, o emprego que xeraría.
No tocante á austeridade xa se pode comprobar como a redución en gasto en servizos sociais baixa (lei de dependencia conxelada), o gasto en educación redúcese (despido de profesorado), o gasto en sanidade báixase (o persoal sanitario só se repoñerá nunha taxa do 10%, polo tanto menos persoal sanitario), I+D+i redución drástica (adeus ós programas de investigación e de captación de investigadores/as), conxelación do salario mínimo interprofesional (a UE recomendaba que no estado español fose de 1026 non de 641€)…
Parece que se lles esquece a austeridade na familia real (60 millóns de €), Igrexa (10.000 millóns de €), loita contra a fraude fiscal (23% no Estado fronte ó 13% da UE), Senado, agrupamento de concellos, gasto militar…
Todo isto é o que nos agarda, mais nunca hai que ser pesimista, haberá que loitar para mudar a situación. Está claro en que hai alternativas a estas maneiras de gobernar e senón que llo digan a países que están crecendo e mellorando o estado do benestar, como Dinamarca, Islandia, Finlandia…
Ánimo xente! e a seguir loitando!