O concelleiro ribeirense vén de reeditar o apoio da asemblea para liderar a organización no camiño ás eleccións municipais
Aínda non cumprira os 30 cando foi designado por primeira vez responsable comarcal do BNG en Barbanza, e vén de ser reelixido para comandar a formación nacionalista nunha etapa que pode ser decisiva para unha organización que aspira a ocupar a Xunta de Galicia. A empresa parece difícil, pero Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) está disposto a traballar arreo para logralo.
—Que balance fai da súa primeira etapa como responsable comarcal do BNG?
—O traballo que se fixo foi positivo, sobre todo nun momento de dificultades evidentes. A asemblea trasladou a todo o consello comarcal os parabéns polo labor que se fixo. A valoración persoal tamén é moi boa, e agradézolle aos compañeiros que me avalen de novo porque iso quere dicir que as cousas se están facendo ben. Ilusión para enfrontar os retos que temos diante non me falta, imos traballar para trasladarlle á veciñanza de Barbanza a alternativa que presentamos como partido político.
—Cales son eses retos?
—O primeiro que temos por diante é ensanchar a base social para reforzar o BNG como alternativa política ao PP. E logo traballar para unhas municipais que xa están aí, para presentar unha alternativa sólida para dar o salto ás alcaldías.
—Están pensando xa en candidatos para as municipais?
—Queda moito tempo para pensar en candidatos, o que se está é reforzando a organización e traballando con colectivos e entidades sociais para coñecer as súas inquedanzas. Cada vez máis persoas se están achegando á nosa organización e avalando o noso traballo cos resultados nas eleccións estatais e nas autonómicas, nas que nos situamos como segunda forza, e esperamos seguir reforzándonos nas municipais e, por suposto, chegar ao Goberno da Xunta de Galicia.
—Falaba de ensanchar a base, falta canteira no BNG barbancés ou é necesaria a masa social para lograr os seus obxectivos?
—Relevo estao habendo dende o momento en que unha persoa de 31 anos está coordinando o BNG a nivel comarcal. Pero se queremos seguir subindo e gañando representación temos que seguir sumando. E temos que seguir en contacto coa cidadanía para trasladarlle que hai outra forma de facer política pegada ás persoas e que a alternativa do BNG vai ser positiva para a masa social da comarca e de todo o país.
—Que problemas quere resolver o Bloque como alternativa política? Cales son as preocupacións máis urxentes?
—Basicamente son tres. O reforzamento dos servizos públicos: no hospital do Barbanza falta persoal, hai un colapso nos centros de saúde da comarca, os recortes en educación son evidentes e hai un malestar social que o PP non está atendendo. En segundo lugar, temos que conseguir crear emprego. A crise económica afecta a moitos sectores e temos que evitar que a xente nova teña que emigrar porque aquí non ten unha alternativa laboral. E en terceiro lugar queremos mandar unha mensaxe optimista, a esperanza de que hai alternativa e outra forma de gobernar, o PP non é invencible e son posibles outras políticas centradas na xente e movidas exclusivamente polos intereses de Galicia.
—Como pensan trasladar iso a Barbanza?
—Estando apegados á realidade social, como vimos facendo nos últimos meses, e trasladar os problemas da veciñanza ao Parlamento a través da nosa deputada ou coas emendas aos presupostos de Xunta e Estado. Imos seguir traballando man a man cos veciños.
Entrevista publicada por La Voz de Galicia o 12 de decembro de 2021