Estase estragando o noso patrimonio natural

En Galicia contamos coa planta de “reciclado” que é Sogama que acolle practicamente á totalidade dos 315 concellos que conforman o país. Este modelo centraliza todos os refugallos da cidadanía, co conseguinte custo en transporte e coa saturación desta planta desde fai moito tempo. Esta saturación é tal, que o macrovertedoiro de Areosa, que ten ao lado está a punto de encherse.

Agora abriuse o debate de que hai que facer outra macroplanta no sur de Galiza para desconxestionar a Sogama e poder reducir custes de transporte.

Todos os que pensemos que este país é unha xoia natural a preservar, ven nisto un despropósito. As causas de que os partidos políticos da oposición, ecoloxistas, parte da cidadanía… nos postulemos en contra non son outras que estas plantas van no sentido contrario a onde debéramos, que é a Reducir, Reciclar e Reutilizar.

Sogama e a nova planta de “reciclado” que pretende construír a Xunta no sur do país non é máis que unha incineradora onde se queiman todos os residuos para poder crear enerxía eléctrica (nun país que somos potencia en enerxías renovables e, polo tanto non contaminantes).

Desde grupos ecoloxistas e grupos políticos estase a pedir unha reflexión en profundidade se é ese o modelo que queremos para os próximos anos. Estes grupos están dando a alternativa, que é apostar polas plantas de reciclaxe comarcais. Estas plantas acollerían os residuos a nivel comarcal e conseguiríase así, unha taxa de reciclado e revalorización do lixo. Este modelo xa está probado e funciona moito mellor (medioambientalmente falando, xa que a taxa de reciclado é maior) que o actual sistema de centralizar. Ademais que coas diversas plantas esparexidas polo territorio, crearíanse postos de traballo en diversos lugares e non todos nun só municipio.

Este é un debate que nos afecta a todos, queremos camiñar cara un país sustentable ou cara un país onde se siga apostando pola contaminación?

Os organismos e os conflitos

Como ben sabedes no planeta Terra no que vivimos existe unha organización creada despois da 2º Guerra Mundial para diversas cousas, entre elas, están dúas principais que cito textualmente da Carta das Nacións Unidas:

1. Manter a paz e a seguridade internacionais, e con tal fin: tomar medidas colectivas eficaces para previr e eliminar ameazas da paz, e para suprimir actos de agresión e outros quebrantamentos da paz; e lograr por medios pacíficos, e de conformidade cos principios da xustiza e do dereito internacional, o axuste ou arranxo de controversias ou situacións internacionais susceptibles de conducir a quebrantamentos da paz;
2. Fomentar entre as nacións relacións de amizade baseadas no respecto ó principio da igualdade de dereitos e a da libre determinación dos pobos, e tomar outras medidas adecuadas para fortalecer a paz universal.

Por estas cousas eu hoxe pregúntovos se a ONU serve para algo na realidade. Xa sabemos que as cousas sobre o papel están moi ben e son moi fermosas cando as imaxinamos, mais cando as queremos poñer na práctica, non todo funciona nin é tan fermoso e sinxelo como plantexáramos no papel.
A ONU, na miña máis sincera opinión, non ten o poder suficiente para poder executar os seus dous principios fundamentais e principais. Pero hai organismos que si teñen poder diplomático suficiente como pode ser EE.UU ou a Unión Europea que por intereses propios evitan posicionarse. Isto é algo que todos e todas vós podedes comprobar. Para esta comprobacións só teño que citar Sáhara e Palestina (por ser os máis coñecidos) ou as Coreas.
Se pensamos nestes dous territorios que están nun conflito bélico permanente desde fai décadas, non vemos que a solución ós conflitos (ambos por cuestións de territorio) estea próxima.
Cada vez que vemos unha noticia nos informativos sobre novos ataques, o máximo que a ONU fai é recriminar unha actuación da parte que cometeu o ataque. Non esixe responsabilidades, non fai forza para que pare, nin implica a outros estados para forzar a unhas negociación diplomática e arranxar o conflito dunha vez por todas.
Ante o recente ataque que houbo no Sáhara, nin a ONU, nin a Unión Europea, nin ningún outro organismos fixo nada (nada práctico) para que este conflito se amañe. O único que fixeron foi o que levan facendo anos para lavarse as mans e non ter remordementos de conciencia, recriminar o ataque e máis nada, sen aplicar ningún tipo de castigo nin esixir responsabilidades deixando que o conflito siga adiante.

Por todo isto, eu penso que se estes organismos, ou ben non poden (ONU) ou ben non queren amañar os conflitos de maneira definitiva (EE.UU, UE).

Hai que ser máis ambicioso

A Xunta vai crear plataformas empresariais para poder expandir as nosas empresas e aumentar o número de exportacións e poidan levar oficinas ao exterior.

Isto é algo que está moi ben sempre e cando esta especie de embaixadas non fosen exclusivamente para a promoción comercial das empresas que se queiran expandir.

A Xunta debería promocionar, ademais que ás empresas, debería aproveitar e xa que vai facer estes edificios para poder desenvolver e potenciar a nosa presenza no exterior.

As embaixadas non só deberan cumprir unha función comercial, senón tamén son unha posibilidade de facernos ver no mundo globalizado no que vivimos e, sobre todo, diferencíandonos do resto das culturas e dos pobos.
As maneiras de diferenciarse son o emprego e promoción da nosa cultura, lingua, empresas, sociedade, potencial educativo, e desenvolvendo e dando a coñecer as nosas potencialidades.

Os países onde máis podemos desenvolvernos cunha maior facilidade son os países lusófonos pola similitude idiomática, pero non os únicos.
Por estas razóns a Xunta non debera desbotar a oportunidade que ten para poder facer que o país se visualice, medre, e poidamos captar fondos doutras empresas para que invirtan en Galiza creando emprego.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos