Ás voltas co Papa

facer o meu comentario despois da visita do Papa a Santiago de Compostela para que logo non me digan que critico sen nin se quera saber o que fose a pasar.
Pois ben, o Papa xa se foi e a análise é clara. A visita papal non acadou ningunha das expectativas creadas exceptuando a da seguridade que si se cumpriu.

Feijóo creou unhas expectativas dicindo que unhas 200.000 persoas visitarían a cidade de Santiago de Compostela e que deixarían montes e moreas de cartos, que nin de broma, pasou, agás na súa marabillosa mente.

Despois disto, temos que preguntarnos se é lóxico nos tempos que corren, que un Estado aconfesional sufrague unha visita soamente eclesiástica. Haise que dar conta de que o Papa non veu por ningunha cuestión política, senón que veu para dar unha misa e para “proxectar a imaxe de Galiza no mundo” (segundo Feijóo).

Se temos o razoamento este, por que non sufragamos os concertos de grandes grupos musicais, os grandes encontros entre equipos de fútbol ou a visita dalgún ou dalgunha celebridade cinematográfica, xa que eles tamén proxectarán a imaxe de Galiza no mundo se veñen unhas horas a Galiza, segundo as ideas de Feijóo and company.

Agora só darei un argumento máis de por que non debera ser sufragada a visita papal con diñeiro público.
Como ben sabemos no estado español convivimos xentes de moi diversa relixión ou mesmo que non teñen ningunha, por iso non debería sufragarse con fondos públicos.
Pois xa que o goberno do Partido Popular sufraga a viaxe do Papa Bieito XVI, por que non sufragar a visita dalgún líder de calquera outro grupo relixioso ou ateo?

Penso que se alguén debera sufragar esta polémica visita é a Igrexa Católica e os fieis que quixeran velo, tal e como se fose un concerto de música, unha ópera, etc polos cales calquera persoa ten que pagar para entrar non é o estado quen cho sufraga.

Goberno inculto

Este artigo foi escrito por Marcelino Fernández Mallo e eu non podería estar máis de acordo con el. Póñoo aquí para que vexades o que di, xa que segundo a miña opinión ten toda a razón:

Galicia configura o que se coñece como “un área cultural”, isto é, un territorio delimitado no cal os seus habitantes levan compartindo durante un período de tempo prolongado, unhas pautas de común comportamento consonte ós hábitos, á relación co medio, e o modo de manifestárense e comunicárense. Quen pode dubidar de Galiza contar cunha cultura propia! Cultura que, na súa aceptación individual, vén significando “cultivo do espírito” –o factor que dá sentido ó ser humano– mentres que no sentido colectivo, representa o elemento incontestable de identificación dunha comunidade –factor que dá sentido ós pobos e ás nacións.

Na pasada fin de semana, celebrouse na Coruña a Feira da Industria Cultural Galega, á cal houbo que chamar “Achegarte” para diferenciala da “Culturgal” dos anos anteriores. Na edición de 2008, “Culturgal” atraeu 35.000 visitantes interesados na Cultura do País, no que desenvolven as empresas dedicadas á produción e promoción de produtos baseados na cultura galega. Quizais con esa idea na cabeza, os organizadores de “Achegarte”, amantes do noso principal risco diferenciador, engadiron na convocatoria o lema “A cultura que facemos, a cultura que queremos.”

Malia ese carácter esencial intrínseco ó propio concepto cultural e a pesar da necesidade de promoción dunha industria feble e vulnerábel, o goberno galego rexeitou organizar o que debería ter sido “Culturgal 2009”. Talvez asustouno o éxito de Cultural 2008 o cal daba a pensar que a curiosidade e o interese sobre o noso podía contribuír a espertar ese xigante durmido, tan temido pola dereita, do galeguismo sustentado na defensa da propia identidade. Así que a Xunta cedeu involuntariamente a remuda ó Concello e á Deputación da Coruña que aproveitaron a oportunidade que lles brindaron os medos do Partido Popular.

Non sei se tal apaño será posible noutra das aldraxes deste goberno cara á cultura do País. Refírome á expulsión da Central Folque da Escola de Altos Estudos Musicais. Este Centro Galego de Música Popular representa un proxecto exemplar onde acubillar os sons, notas, ritmos e danzas que forman parte da mesma cerna da cultura galega. Axiña osmaron o perigo, por “centro de música popular” deberon entender “cova de nacionalismo alborotador”, algo así, seica. E retiráronlle o apoio. 160 alumnos dispostos a facer da música con raigame na terra a súa vía de desempeño profesional. Sumamente perigoso, disque.

Pode haber máis. Estes días celébrase a vixésimo terceira edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara nesta cidade mexicana, un dos principais eventos que se celebran no planeta en relación ó libro. Cada ano, os organizadores escollen unha cultura á cal ofreceren un papel estelar no espazo e na programación. En anos anteriores, concorreron España (2000), Cataluña (2004) e Andalucía (2006). Para dar unha idea do nivel do acontecemento, a presentación dos actos organizados pola Xunta de Andalucía estivo presidida por Gordimer, Saramago, García Márquez e Carlos Fuentes. O goberno galego anterior levara a cabo arduas xestións para conseguir que a literatura galega fose convidada de honra da Feira Internacional de Guadalajara nun dos vindeiros anos. O goberno actual parece dubidar se tira proveito desta grande oportunidade.

Os parágrafos anteriores confirman o devastador programa culturicida posto en marcha polo goberno galego do Partido Popular. Eles xustifícano na falta de cartos (e son os mesmos que promoveron o Gaiás!!). Outros pensan que se trata dun perverso cálculo político. Eu cada día inclínome máis por outra razón: a de que conforman, en realidade, un goberno sen corazón; un goberno, así pois, inculto.

Cultura galega en perigo

A consellería de Cultura non vai a celebrar Culturgal este ano. A explicación que dan, é que, este ano non contan coa suficiente partida económica para este acto, polo cal se dan a coñecer os produtos culturais galegos.
A feira pola cal, no ano 2008 pasaron algo máis de 30.000 persoas, estaba destinada a facer visibles os traballos e produtos culturais galegos co que se pretende dar unha imaxe de Galiza.
Volvemos a ver outra acción en contra da nosa propia cultura, malia que este tipo de accións van na nosa contra, moita xente non se da conta ou non se quere dar de conta de que nos prexudican.
Por iso desde aquí quero que a xente abra os ollos e vexan o que está a suceder. O presidente Feijóo e a súa comitiva, leva algo máis de 6 meses na Xunta e fixo moi poucas cousas, se é que fixo algunha, a prol da cultura e lingua galegas pero desfixo e quere seguir desfacendo, multitude de proxectos destinados a difundir e a dar a coñecer a cultura galega a nivel autonómico e a nivel internacional.
Un exemplo a maiores deste, é a eliminación dos Premios Nacionais da Cultura Galega que premiaban as seguintes categorías Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas, Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura Tradicional e de Base.
A ver se a xente ve o que está a suceder.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos