O PPdeG acaba de aprobar no Parlamento Galego, en solitario, a creación e o financiamento da chamada “Red Madre” co que quere contribuír a axudar ás rapazas deste país que pretendan seguir adiante ante un embarazo. Dita rede está considerada antiabortista e ten un claro perfil moral.
Mentres se fai todo isto, tamén se está a levar a cabo o desmantelamento dos servizos das oficinas de Igualdade + Benestar (I+B) nas que se ofrecía axuda ás familias, tamén os centros Quérote onde se informaba aos mozos e mozas deste país sobre a temas relacionados coa sexualidade (enfermidades, medios anticonceptivos, asesoramento, información, etc) a través de citas presenciais ou ben por internet. Esta rede de centros foi eloxiada por organismos europeos e ía nas políticas da OMS (organización mundial da saúde).
Esta dobre moral que fai o PP en Galicia non se pode tolerar, xa que primeiro elimina todo o feito polo goberno anterior e despois axuda a crear outros servizos que están suxeitos a unha moral basicamente católica. Isto fai que a información que se dea neses lugares será subxectiva e non obxectiva como debera ser un servizo público ou con financiamento público.
Con isto, vese que o Partido Popular está favorecendo aos intereses da Igrexa Católica e das organizacións de pensamento conservador, claramente contrarios á lei do aborto feita polo goberno do Estado.