O domingo Galiza celebra os comicios para escoller os e as representantes que ocuparán os escanos do Parlamento Galego durante os vindeiros 4 anos. A pesar de que no BNG estamos traballando continuamente, e non só cando hai eleccións, estas obrigan a redobrar esforzos. Foron días cheos de intenso traballo, horas pateando rúas, facendo repartos informativos, gabeando farolas, celebrando actos para achegar as propostas do Bloque, falando directamente coa xente e unha morea de cousas máis. Todo isto faise coas nosas propias forzas e recursos quitando tempo de lecer para dedicarllo a un proxecto colectivo chamado Bloque Nacionalista Galego.
Sei que é un tempo díficil para traballar e crer na política como ferramenta de transformación, cada vez máis desprestixiada, como non entender á xente cansa das tramas de corrupción, dos casos de malversación, da inoperancia e das falsas promesas? o fastío é comprensíbel. Malia todo, hai proxectos ilusionantes e esperanzadores como os do Bloque, unha formación que aposta polo optimismo e a confianza no País, sabendo que pode dar moito máis de si mesmo, cun potencial sen aproveitar e con xente disposta a facelo, paseniñamente, mais con paso firme cunha dirección clara, a mellora da vida do pobo galego nun País que avance.
Escribía hai uns meses que o BNG tiña un reto importante, o de xerar ilusión coa que atraer persoas a un proxecto nacional de País co que mellorar as condicións de vida e os dereitos do pobo, neste sentido temos feito mudanzas importantes tanto discursivas como comunicativas e levamos tempo traballando desde o optimismo, o positivismo e a creatividade. Creo que camiñamos con dirección certa e considero que o traballo constante e o esforzo non son en van, darán froitos, cedo ou tarde, pero daranos.
Esta campaña electoral permitiulles a moitas persoas descubrir a un BNG diferente e a unha candidata chamada Ana Pontón, muller nova e preparada, cara visíbel dun proxecto que acredita no potencial do País, unha persoa afábel, con carisma e próxima á xente.
A candidata do Bloque estivo centrada en falar do importante, do que lle preocupa á xente, facendo propostas beneficiosas para as maiorías como poden ser a tarifa eléctrica para que poidamos ter a electricidade (que nós producimos) un 30% máis barata ao non pagar transporte, plan retorna para loitar contra a emigración xuvenil, banca pública (como a que teñen moitos países europeos) para dar cretos ás PEMES, a mellora do transporte público, gratuidade dos libros de texto, mellora da sanidade, educación e servizos sociais e moitas máis, en definitiva, medidas para non deixarmos a ninguén atrás como ben di Ana.
Quen se pode opór a medidas deste estilo? Non fai falla ser nacionalista para ver que son positivas e permitirían abrir un tempo novo co que comenzar a construír un País, máis igualitario, máis social.
É hora de apostarmos por un partido que nunca traicionará a Galiza nin á súa xente, é o momento de castigarmos a quen deixou xente atrás porque era máis importante a economía ao servizo duns poucos que gobernar para a xente.
Creamos nas nosas forzas, confiemos no proxecto, experiencia e historia do BNG, no seu equipo disposto a traballar e dar alternativas de futuro. O domingo votemos con corazón, ilusión e soñemos cun País mellor, co teu voto axudarás a facelo realidade.