Estes días está a facer moito frío, é algo evidente, mais por se acaso hai alguén despistado ou despistada, xa nolo repiten constantemente os medios de comunicación. Unha masa de ar xélido está provocando unhas baixas temperaturas en toda Europa, situación que disque provoca un incremento do prezo da electricidade. Digo disque porque un xa non se fía das eléctricas, esas que din que o sistema é deficitario e hai que subir os prezos pero que cada ano gañan centos de millóns de euros.
En relación a isto dos prezos da electricidade, lembro a campaña que realizara o BNG titulada Temos un país de primeira. Que non che coman o coco que pretendía rachar cos falsos prexuízos de que Galiza é unha nación dependente, de que por si soa non pode, de que grazas a Deus existe España senón que sería de nós!
O Bloque reclamou e aínda segue a reclamar unha tarifa eléctrica galega para que o pobo galego non pague as peaxes do sistema eléctrico nin os custes de transporte da enerxía, o que implicaría unha redución considerábel no recibo -30% aproximadamente-. Sería de axuda para o pobo en xeral e en particular para quen ten poucos recursos, medida coa que tamén se reducirían os custes na industria e no comercio, ergo, estaríase aumentando a competitividade das nosas empresas.
E que pasa coa solidariedade pola que tanto avoga o goberno central? pois eu diríalle que Galiza xa é abondo solidaria regalando o 30-40% da enerxía que produce para recibir a cambio o impacto ambiental que supón ter os nosos ríos encorados, os montes cheos de aeroxeradores que apenas deixan rendementos económicos e sufrir os efectos de ter 2 centrais térmicas ben contaminantes.
Mais falemos de solidariedade, pregúntome por que o Estado se nega a reformar o sistema de tributación para facer que as industrias e empresas paguen impostos onde realizan a súa actividade económica e non onde teñen a súa sede fiscal que, ho! vaia! case sempre adoita ser Madrid, casualidade?
Tamén poderíamos falar do “solidario” sistema de financiamento no que Estado español recada 3.000 millóns de euros máis dos que logo inviste no noso país, deben pensar que nos sobran eses millóns de euros, razón non lles faltaría se só escoitan os discursos triunfantes do señor Feijóo e do seu séquito, que esta mesma semana defendía o Orzamento da Xunta para 2017, dicindo que Galiza está ben porque todo o malo (pobreza, desemprego, emigración…) sobe menos que noutros lados, mais a xélida realidade é ben distinta.
Malia que a realide é fría, existen raiolas de sol que pretenden construír un futuro diferente para este país, somos moitos e moitas as que apostamos e traballamos por construír un tempo novo en Galiza con recursos suficentes e sen esquecernos de ninguén. Un tempo no que as persoas con menos recursos non teñan que pasar frío nin se lle corte a electricidade, un tempo novo no que as eléctricas deixen de ser o retiro dourado de exministros, un tempo novo no que Galiza teña o que merece por xustiza e solidareidade.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 24/01/2016
UN TEMPO NOOVOOO!!!
GústameLiked by 1 person