A seguir reproduzo a entrevista que me fixeron en Radio Voz e La Voz de Galicia tras ser elixido responsábel do BNG na Barbanza.
>>Ve necesario que o partido se achegue máis á mocidade e dar alternativas en positivo aos problemas.
Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) colleu o relevo de Cristina Andrade como responsable dos nacionalistas en Arousa norte e falou dos retos que se lle presentan neste cargo no estudo de Radio Voz en Barbanza, onde dixo encarar esta nova etapa cun sentimento de «moita responsabilidade».
-¿Cales son os motivos que o levaron a presentar a candidatura?
-Moitas persoas do BNG achegáronse a min e dixéronme que consideraban que, ao Cristina Andrade non poder asumir a responsabilidade comarcal, crían que eu podía ser unha boa persoa para coordinar o BNG en Barbanza. Ante ese gran número de apoios que recibín, decidín presentar esta candidatura, unha candidatura que foi única e que, polo tanto, engloba a toda a comarca e todo o mundo se sinte representado. É unha candidatura disposta a traballar por todos os veciños de Barbanza e tamén por todo o país.
-¿Como ve ao BNG despois deste proceso de renovación?
-O BNG ten un proxecto unido, forte, e estamos traballando para darlle alternativas ás políticas actuais do Partido Popular. Vemos, por poñer un exemplo, que un ano máis os presupostos do Estado se esquecen completamente de Barbanza, non vemos obras que son moi necesarias nos catro concellos, como poden ser a comisaría da Policía Nacional en Ribeira, o proxecto para a rexeneración das Xunqueiras en A Pobra, de depuración en Rianxo ou como en Boiro está a esmorecer o pazo de Goiáns sen que ningunha administración do PP, nin a Xunta, nin o Concello nin o Estado, faga nada por remedialo.
-Hai tamén caras novas entre a xente que o acompaña no renovado consello comarcal…
-Así é. Hai moita xente que repite, porque vemos que ten un gran potencial e experiencia. E hai que recoñecer o labor de dúas persoas que formaron parte da anterior executiva, como son Carlos Blanco Ansoar e Raquel Suárez, pero tamén hai xente nova que se vai incorporar, como é a brillante deputada que tivemos no Congreso, Rosana Pérez, ou a incansable concelleira responsable de asuntos pesqueiros en Ribeira, Pilar Sampedro. Despois tamén virá unha persoa de Galiza Nova, que está pendente de ser escollida, para representar á nosa agrupación xuvenil.
-Ademais dela, hai máis xente pendente de incorporarse?
-Cando se renoven as responsabilidades locais entrarán catro persoas máis.
-¿Que peso ten a xente nova neste novo consello comarcal?
-Unha das evidencias é que unha persoa da miña idade sexa responsable do BNG comarcal. A xente nova para nós é unha parte moi importante deste novo período que queremos abrir. Vemos como nos órganos de dirección hai cada vez máis presenza de xente nova, porque consideramos que debemos achegarnos máis a ese sector poboacional. Por outra parte, cada vez máis xente nova se está achegando ao BNG para saber que alternativas teñen.
-Apostades pola participación activa da militancia, ¿está respondendo a xente?
-Sempre fomos un partido que lle deu moitísima importancia á participación social porque cremos que xente debe e merece participar na vida política e está habendo un goteo continuo de novas altas e novos simpatizantes.
-¿Cales son as liñas sobre as que traballarán a partir de agora?
-Van a ser os que eran ata agora. Facer traballo propio, criticando aquelas políticas que son lesivas e, non só quedarnos na crítica, senón ofrecer tamén alternativas. Queremos estar ao carón dos sectores produtivos, das asociacións e colectivos, que vexan que o BNG está aí para escoitarlles, para levar as súas demandas aos concellos e parlamentos e para tratar de buscarlle solución aos seus problemas.
-¿Que retos se marca?
-Os retos son moitos, hai moito traballo por facer, pero sobre todo poñer en positivo como o BNG está a dar alternativas aos problemas da xente. Que a xente vexa que o BNG mudou nos últimos anos e pode confiar nel.