ILP Sentido Común, grazas!

Hoxe é un día importante para min. Hoxe remata unha intensa e extensa campaña de difusión, socialización e recollida de apoios para unha inciativa de lei que promove A Mesa pola Normalización Lingüística, para garantir os dereitos lingüísticos no eido socioeconómico.

Durante uns meses estiven traballando e esforzándome para que a ILP “Sentido Común” chegase a moitos concellos, eventos e mesmo festas, hoxe rexistramos no Paralmento de Galiza a proposta con máis de 28.000 apoios.

Quero agradecer publicamente a oportunidade que A Mesa me deu para traballar nun posto para o que estudei, traballar na defensa e promoción da lingua galega.
Agradecer a colaboración a todas as persoas e colectivos que apoiastes esta proposta e recollestes sinaturas, sen todas vós non tería sido posíbel.

Fica moito por facer, sen dúbida, mais hoxe subimos un chanzo importante na normalización do idioma propio de Galiza. Hoxe demostramos que existe vontade de empregar o galego sempre e en todo lugar.
Seguimos traballando, con sorriso e optimismo sempre!

A iniciativa lexislativa “Sentido Común” para o dereito ao uso do galego no ámbito económico rexístrase con máis de 28.000 apoios

Concelleiros que ofrecen hostias

Onte en Ribeira tivemos un pleno onde aconteceu incríbel, reprobábel e mesmo denunciábel ante a policía.

Resulta que defendín por segunda vez unha proposta, en nome do BNG, para declarar o municipio libre de circos e espectáculos con animais. Isto quere dicir que apostamos por espectáculos e circos mais que non empreguen os animais como reclamo infantil, pois entendemos que as crianzas deben ser educadas en valores que promovan o coidado e o respecto polos seres vivos.

Desde Iniciativa Progresista de Ribeira (IPR) tentouse misturar o debate comparando o maltrato e o cativerio animal con consumir leite ou carne, algo fóra de todo sentido común e que eu califiquei como “argumentos trapalleiros”. Argumento que o alcalde me obrigaría a retirar por “argumentos faltos de rigor” pois disque podía ser ofensivo. Para quen non coñeza o significado de trapalleiro, direille que unha das acepcións é que é pouco formal, que fala moito e sen tino segundo a RAG.

Unha vez rematado o pleno e xa fóra do concello, o concelleiro de IPR díxome textualmente “se me cheghas a disir iso a min, espéroche á saída do pleno e douche unhas hostias”.

Este é o talante pseudodemocrático dunha persoa que é representante público e que ante a falta de argumentos só pode ofrecer a forza bruta para ameazar e intentar intimidar a quen pensa diferente.

Van apañados comigo, pois seguirei defendo honestamente o que penso, sen importar as ameazas, defenderei os principios polos que loita e traballa o BNG e, como sempre e máis importante de todo, desde o respecto e a non violencia.