Onte en Ribeira tivemos un pleno onde aconteceu incríbel, reprobábel e mesmo denunciábel ante a policía.
Resulta que defendín por segunda vez unha proposta, en nome do BNG, para declarar o municipio libre de circos e espectáculos con animais. Isto quere dicir que apostamos por espectáculos e circos mais que non empreguen os animais como reclamo infantil, pois entendemos que as crianzas deben ser educadas en valores que promovan o coidado e o respecto polos seres vivos.
Desde Iniciativa Progresista de Ribeira (IPR) tentouse misturar o debate comparando o maltrato e o cativerio animal con consumir leite ou carne, algo fóra de todo sentido común e que eu califiquei como “argumentos trapalleiros”. Argumento que o alcalde me obrigaría a retirar por “argumentos faltos de rigor” pois disque podía ser ofensivo. Para quen non coñeza o significado de trapalleiro, direille que unha das acepcións é que é pouco formal, que fala moito e sen tino segundo a RAG.
Unha vez rematado o pleno e xa fóra do concello, o concelleiro de IPR díxome textualmente “se me cheghas a disir iso a min, espéroche á saída do pleno e douche unhas hostias”.
Este é o talante pseudodemocrático dunha persoa que é representante público e que ante a falta de argumentos só pode ofrecer a forza bruta para ameazar e intentar intimidar a quen pensa diferente.
Van apañados comigo, pois seguirei defendo honestamente o que penso, sen importar as ameazas, defenderei os principios polos que loita e traballa o BNG e, como sempre e máis importante de todo, desde o respecto e a non violencia.