Pequeno comentario sobre os acontecementos políticos intensos que vivimos estes días.
Catalunya leva moito tempo intentando dialogar, nos últimos anos até 18 veces lle solicitou ao goberno central diálogo para mudar o seu status, que fixo España? Sempre dixo non.
Podería dicirse que coas leis pasa como coas linguas, non poden manterse indefinidamente inmutábeis, as linguas que non mudan son as que están mortas. Coas leis é o mesmo, se non se actualizan e non recollen o sentir da xente non serven para nada. Por outra banda, tampouco temos as mesmas leis que hai 100, 200 anos verdade? Pois iso. En Catalunya existe unha base social moi importante que non lle gusta o estado actual das cousas e polo tanto queren decidir o seu futuro, o que non se pode é ficar inmóbil ou dar sempre a negativa por resposta.
Hoxe o Govern, fai o que lle pedían certas persoas e partidos, non declarar a independencia co fin de tender a man ao diálogo, basicamente niso consiste a política, en escoitar e tentar chegar ao entendemento. A unhas persoas gustarálles a e a outras non.
Agora ben, para chegar a un entendemento, hai que ter vontade de chegar a el, cousa que até o de agora non tivo ningún goberno central porque “la ley es la ley”. Curioso que isto non lles acordara cando prevaricaban, desfalcaban ou mesmo cando mudaban a Constitución en 15 días para pór o pagamento da débeda por riba do interese social.
Entendo que haxa xente que estea en contra da independencia, é lexítimo, tamén a hai quen está a favor dela, o que non se pode é manter o estado das cousas á forza bruta ou porque nada se quere tocar. É incríbel e preocupante que nestes días hai moitas faltas de respecto para quen pensa diferente e defende o dereito a que os pobos decidan o seu futuro. Mesmo hai fascistas que agreden impunemente a persoas que se manifestan pacificamente. Malia este ambiente e con todo o sistema en contra, tamén somos moitas persoas as que pensamos que desde o respecto todo se pode.
En fin, como ben dixo Catelao, “a loita nobre e leal das ideas é a que asegura o progreso” pois saibamos progresar.