Concelleiros que ofrecen hostias

Onte en Ribeira tivemos un pleno onde aconteceu incríbel, reprobábel e mesmo denunciábel ante a policía.

Resulta que defendín por segunda vez unha proposta, en nome do BNG, para declarar o municipio libre de circos e espectáculos con animais. Isto quere dicir que apostamos por espectáculos e circos mais que non empreguen os animais como reclamo infantil, pois entendemos que as crianzas deben ser educadas en valores que promovan o coidado e o respecto polos seres vivos.

Desde Iniciativa Progresista de Ribeira (IPR) tentouse misturar o debate comparando o maltrato e o cativerio animal con consumir leite ou carne, algo fóra de todo sentido común e que eu califiquei como “argumentos trapalleiros”. Argumento que o alcalde me obrigaría a retirar por “argumentos faltos de rigor” pois disque podía ser ofensivo. Para quen non coñeza o significado de trapalleiro, direille que unha das acepcións é que é pouco formal, que fala moito e sen tino segundo a RAG.

Unha vez rematado o pleno e xa fóra do concello, o concelleiro de IPR díxome textualmente “se me cheghas a disir iso a min, espéroche á saída do pleno e douche unhas hostias”.

Este é o talante pseudodemocrático dunha persoa que é representante público e que ante a falta de argumentos só pode ofrecer a forza bruta para ameazar e intentar intimidar a quen pensa diferente.

Van apañados comigo, pois seguirei defendo honestamente o que penso, sen importar as ameazas, defenderei os principios polos que loita e traballa o BNG e, como sempre e máis importante de todo, desde o respecto e a non violencia.

Desde os soños até conquistar as arelas, comezamos!

Boas,

hoxe retomo algo que estivera facendo durante os anos 2009-2012, que é a escrita de artigos e publicacións no meu blogue persoal. Neses catro anos estiven escribindo todo tipo de artigos nun caderno dixital que dera en chamar Nación Galega, publicacións todos elas que fican para o meu recordo e nos que se pode ver unha evolución do meu pensamento, da miña formación e tamén de min como persoa.

Tras 4 anos sen apenas escribir, só puntualmente artigos de opinión para algún xornal, volverei esbardallar para todas aquelas persoas que me queirades ler, seguir e por suposto, comentar e achegar as vosas visións.

En breve comezarei a subir máis contidos.

Camiñemos xuntos desde os soños até conquistar as nosas arelas sempre tendo presente o que ben dixo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu día, “ primeiro ser, despois triunfar ”.

A %d blogueros les gusta esto: