O goberno do Partido Popular, que preside a Xunta de Galiza, vai a destinar un total de 258 millóns de euros anuais o que supón, algo máis de 1.000 millóns de euros en catro anos, ao financiamento do ensino privado e concertado.
Así pois, non se reducen os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades nas que os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado.
Dentro deste concerto de axudas, están incluídos varios colexios do Opus Dei. Ditos colexios, segregan por razóns de sexo, un feito polo cal non poden recibir axudas públicas pero parece que isto, a Feijóo, dálle igual.
Todas estas actuacións estanse a realizar ao tempo que se elimina a gratuidade de libros, xa que, segundo os do PP, ese sistema era demasiado caro.
Agora ben, pensemos un pouco, que é mellor? Que se merquen libros e que poidan servir durante catro anos ou darlle axudas as familias, tódolos anos, para que ao rematar o curso tiren cos libros que poderían utilizar outros nenos? Xulguen vostedes mesmos.
Outro dato, mentres que se destinan 258 millóns de euros para a educación concertada e privada, tan só se van a destinar 7 millóns de euros á subvención de libros. Isto para min é un escándalo, pero parece que moita xente segue sen darse conta.
Paralizan a declaración de parque natural dos Ancares
O conselleiro de Medio Ambiente, territorio e infraestruturas conxelou a declaración dos Ancares como parque natural, non cumprindo co programa electoral do PP, no que se establecía: “Impulso á declaración de novos espazos naturais protexidos, e a ampliación da superficie do territorio incorporada á Rede Natura”. Esta paralización débese, segundo fontes da consellería, que o proceso tópase coa negativa dos veciños do lugar. Na realidade, son dous concellos os que se opoñen a esta declaración.
Esta zona é de grande importancia ambiental, xa que conta con cinco categorías de protección: reserva nacional de caza, zona de protección do oso pardo, lugar de importancia comunitaria (LIC), zona especial de protección de valores naturais e zona especial de protección de aves(ZEPA). Ademais, o espazo forma parte da Rede Natura e foi distinguido pola Unesco como reserva da biosfera no 2006.
Todo isto, supón un grao de protección importante, pero deberíase declarar como parque natural para mellorar e afianzar, máis aínda, a súa conservación.
Desde a propia consellería afírmase que, cando se acade consenso, volverase a retomar o proceso pero non están a facer nada para acadalo.
Por todo isto, o conselleiro debería seguir co proceso iniciado polo anterior goberno e buscar a mellor solución para todos. Ademais, Galiza é unha das comunidades autónomas con menor territorio protexido, cun 12%.
A zona, tería que verse recompensada coa creación de empregos e con inversións, por parte da Xunta, para promocionar o turismo sostible, o asentamento de industria e de poboación que sexa compatible coa existencia do que sería o 8º parque natural de Galiza.
Non ás centrais nucleares
Desde este blog, quero dicir que hai alternativas ás centrais nucleares.
Ben é certo, que as centrais nucleares proporcionan unha gran cantidade de enerxía eléctrica e que non producen gases de efecto invernadoiro. Pero tamén, temos que pensar que producen residuos contaminantes que ningún concello está disposto a almacenar, a pesares das fortes inversións que prometen para quen decida almacenar este tipo de residuos no seu concello.
Porén, a enerxía nuclear debería ser substituída, paseniñamente, por enerxías renovables.
Un parque eólico, unha central solar, unha central de biomasa ou a enerxía maremotriz non son capaces de producir a cantidade de enerxía que produce unha central nuclear por elas soas e non teñen a mesma continuidade xa que, a enerxía solar e a eólica dependen do tempo que faga ou do vento que sopre, sen embargo, se as xuntamos podemos substituír a enerxía nuclear.
O principal problema que existe hoxe en día é que construír unha central nuclear é moito máis rendíbel e produce moita máis cantidade de enerxía en pouco tempo o que se traduce en grandes beneficios a curto prazo, mentres as enerxías alternativas teñen que ser vistas como unha inversión a longo prazo e beneficios a longo prazo, e é este o punto de vista que fai falla na actualidade, hai que pensar menos a curto prazo e máis a longo prazo e contribuíndo a mellorar o noso medio ambiente.
Unha das vantaxes que posúen este tipo de fontes enerxéticas é que poden ter unha vida útil moi superior a 40 ou a 50 anos que soe durar unha central nuclear e tamén soen crear máis postos de traballo, xa que para construír parques eólicos ou paneis solares fan falla unha serie de industrias complementarias e traballadores cualificados como son técnicos en instalacións solares, empregados de mantemento, extractores de silíceo para os paneis solares, etc.
Sen máis, un saúdo