Red Madre

O PPdeG acaba de aprobar no Parlamento Galego, en solitario, a creación e o financiamento da chamada “Red Madre” co que quere contribuír a axudar ás rapazas deste país que pretendan seguir adiante ante un embarazo. Dita rede está considerada antiabortista e ten un claro perfil moral.

Mentres se fai todo isto, tamén se está a levar a cabo o desmantelamento dos servizos das oficinas de Igualdade + Benestar (I+B) nas que se ofrecía axuda ás familias, tamén os centros Quérote onde se informaba aos mozos e mozas deste país sobre a temas relacionados coa sexualidade (enfermidades, medios anticonceptivos, asesoramento, información, etc) a través de citas presenciais ou ben por internet. Esta rede de centros foi eloxiada por organismos europeos e ía nas políticas da OMS (organización mundial da saúde).

Esta dobre moral que fai o PP en Galicia non se pode tolerar, xa que primeiro elimina todo o feito polo goberno anterior e despois axuda a crear outros servizos que están suxeitos a unha moral basicamente católica. Isto fai que a información que se dea neses lugares será subxectiva e non obxectiva como debera ser un servizo público ou con financiamento público.

Con isto, vese que o Partido Popular está favorecendo aos intereses da Igrexa Católica e das organizacións de pensamento conservador, claramente contrarios á lei do aborto feita polo goberno do Estado.

Problema mundial, responsabilidade de ninguén?

Pode que este artigo sexa algo duro demais pero é a pura e crúa realidade.
Onte estaba no ordenador coa televisión acesa, estaba nun canal calquera cando de súpeto comeza unha película que se chamaba “La ciudad del silencio”.
O título non me chamou moito a atención, a dicir verdade, mais con só ver os 10 primeiros minutos é unha película que che “engancha” pero que tamén pode facer que cambies de canle pola dureza das imaxes.
Se cambiásemos pola dureza non habería problema pero aquí, o caso, é que se cambias é porque nos doe ver a realidade desta merda de mundo no que vivimos. Sinto empregar este tipo de palabra pero é que estou moi cabreado co que vin. Non só cabreado senón que tamén me sentín impotente por non poder facer nada ante uns feitos tan terribles e tremendamente desoladores.
Recoméndovos que vexades a película porque é tremendamente dura pero fai que un poida ver a realidade. Esta realidade moitas veces é contada e por nós é sabida, mais non te das conta da gravidade dos feitos ata que chos presentan en imaxes.
A dita película, comeza dicindo que é unha réplica de feitos reais. Non vos vou dicir de que vai pero si que trata sobre un problema moi grave, non só nos países en vías de desenvolvemento (nos cales se acentúa máis o problema) senón que tamén afecta ós países desenvolvidos (que obvian as súas responsabilidades). Teño que dicir que este mundo é unha puta merda, que ás veces pensas que qué fan os empresarios, os políticos, a policía, a sociedade, os traballadores, etc para que este mundo non sexa como é hoxe en día. A min en particular, esta película cabreoume moito e por iso á 1:15 da noite estou escribindo isto.
Ó igual que este problema, hai outros moitos non vou a negalo eu, xa que é ben sabido (ou non, igual me trabuco) pero que este pode ser un dos máis graves.
Cando vexades a película, por favor escribídeme a vosa opinión e que credes vós.

Posible venda de R

Boas!

Despois de bastante tempo sen escribir, volvo con forzas e avísovos de que vou intentar escribir máis asiduamente.

Onte lendo o xornal, lin unha noticia que me deixou coa boca aberta. Esta noticia era a intención de vender R, a compañía galega de telecomunicacións.
Unha das poucas empresas grandes que nos quedan, que se atopa en mans galegas, pretende ser mercada por unha empresa con sede nos Países Baixos.
A moita xente pode que esta noticia lle pareza unha parvada, mais o certo é que non o é.

• R é 100% galega, os traballadores e traballadoras son todos galegos e galegas, isto é moi importante porque crea riqueza dentro da súa terra. Non só dá postos de traballos directos senón indirectos tamén.
• R é unha empresa que creu na súa terra e cando lle ía (e vaille) ben non marchou para fóra de Galicia. Quedou aquí e investiu aquí dándolle un mellor servizo á poboación galega nos tres eidos que traballa (internet, televisión e telefonía). Este servizo non se estancou, senón que segue mellorando, dando sempre o que pagas. Outras empresas pagas e non recibes nin a metade da velocidade de Internet que tes contratada, por exemplo.
• Esta compañía non só é líder no mercado galego senón que é referente a nivel español e europeo, xa que conta cuns beneficios moi bos ademais da súa calidade de servizos e pola súa aposta de crecemento instalando fibra óptica nos concellos nos que non estaba presente.
• Unha compañía comprometida co idioma, impulsando o uso do galego dentro e fóra da empresa.
• Unha empresa líder nas TIC (Tecnoloxías da información e comunicación).

Esperemos que Caixanova, non queira vender a súa parte da empresa porque senón, vainos a pasar o mesmo de sempre. Empresas creadas aquí, comezan a crecer e unha vez xa estables, vendémolas e os centros de decisións vanse fóra de Galiza e os investimentos tamén.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos