Xornada de reflexión. Reflexionade ben!


Nesta xornada de reflexión, gustaríame dicir queserve para unha fonda reflexión sobre a situación na que vive o estado español. Unha profunda crise económica pero tamén social é a que nos está a afundir; os mercados financieiros están agardando á suculenta dentellada que queren propiciar ós servizos públicos, por que? Pois porque xa se recortou das infraestruturas, privatizaron parte de de empresas, infraestruturas novas, etc que queda agora? Pois os servizos públicos.

Estas medidas adóptanse despois de que a banca engulira 130.000 millóns de euros dos fondos públicos (de tod@s nós) e que seguen acumulando beneficios escandalosos cada ano e NON dan crédito ás nosas pequenas e medianas empresas porque non lles convén.

Ante esta situación, hoxe debemos pensar se este domingo queremos mudar as cousas ou ben, dar un xiro ás políticas, para que realmente se ocupen do que deben que non é nin máis nin menos que da xente.

Se o sector financiero e mercantil está nunha situación mala non é por culpa da cidadanía, é culpa dos seus xestores que especularon, creceron a ritmos descontrolados e cunha mala xestión que desembocou nesta grave crise económica. Polo tanto,Añadir vídeoa xente non temos que pagar a súa incompetencia porque, a que ninguén che paga a ti se o teu negocio fracasa por unha mala xestión?

Este domingo podemos favorecer á maioría de dous partidos, un que fixo políticas de dereita e outro que, alí onde goberna, o que fixo foi privatizar e recortar de todos os ámbitos incluíndo sanindade e educación. Por iso eu estou seguro de que se os partidos minoritarios teñen máis forza, este estado será algo máis democrático, será un pouco máis plural e tamén poderemos defender os intereses da xente e non só mimar ás grandes empresas e banca deixando de lado á cidadanía.

Boa xornada de reflexión e votade con cabesiña.

Lumes en Galiza, ó PP dálle igual!

O monte galego arde sen parangón. Vimos de ver unha intensa actividade incendiaria no país, mais unha escasa actividade política por parte da Xunta de Galiza e do goberno do Partido Popular, os cales non fixeron nada e restaron importancia ó que estaba e, aínda está mentres escribo este artigo, acontecendo.
O lume está comendo moitos lugares que non contan con ningunha protección pero tamén hai zonas de gran valor ecolóxico da Rede Natura 2000. Isto sen que o goberno de Núñez Feijóo aumente as brigadas contra o lume que, dende setembro, están sendo despedidas. Tamén cabe dicir que as axudas á prevención foron erradicadas por mor dunha “austeridade” atroz.
Con estas perspectivas de; poucos medios, poucas brigadas, monte descoidado, etc non parece de estrañar que o lume e @s incendiari@s estean acabando co noso patrimonio natural. Isto vaise traducir en miles de hectáreas arrasadas (van 14000!! a día de hoxe e aumentando) que farán que moitas especies animais non teñan sustento para se alimentar e vivir, que moita xente que vive no rural non poida alimentar ó gando ou labrar as terras, que moitas especies vexetais tarden décadas en recuperarse…
Non me colle na cabeza como este goberno do PP fai uns anos estaba na rúa manifestándose contra a vaga de lumes do 2006 e ande hoxe “escapado” (Presidente desaparecido, superdelegado da Xunta de Ourense no Bernabeu en Madrid e declaracións institucionais escasas).
A día de hoxe non vin que o presidente galego, Núñez Feijóo dese a cara para informar á cidadanía sobre o que está facendo para poder rematar con esta vaga incendiaria e que vai facer para que non se volva repetir.
Por todo isto penso que debemos esixir responsabilidades políticas ó goberno da Xunta de Galiza para que faga todo o que estea na súa man para rematar cos lumes, retomando as políticas políticas de prevención axeitadas, facer leis que primen as especies autóctonas fronte ás foráneas, loitar contra o abandono do rural e mellorar a xestión dos nosos montes e un longo etcétera.
Xa se sabe a política do Partido Popular; “nin goberna nin deixa gobernar”.

Reforma constitucional a dúas bandas

Despois de moito tempo sen escribir nin unha soa liña neste blog, retomo a miña escritura cun tema de moito calado e de gran polémica social, a reforma constitucional.

Xa é ben sabido por todo o mundo que o PSOE deu un xiro neoliberalista brutal e que se axeonllou ante os mercados financeiros xa hai moito tempo, mais coido que esta vez xa se pasou de tódolos límites e coido non llelo podemos permitir por todo o que supón e ocasionaría. 

Esta reforma constitucional xa debería ser rexeitada só pola súa forma de realizala. Penso que unha reforma de tal importancia non debera realizarse de costas á sociedade e, por riba, entre só dous partidos. Acaso a sociedade non pinta nada? Só hai, no estado español, dous partidos políticos?

Ante esta maneira de reformar e de aplicar modelos neoliberais inxustos coa meirande parte da poboación, como non imos estar en contra d@s polític@s!? Claro que estamos desencantados coa clase política.
Mais ante isto hai que dicir que non tódolos partidos son iguais pois estamos a ver como votaron en contra da reforma; BNG, PNV, ERC-IU-ICV, UPyD e Nafarroa Bai, así como o deputado socialista, Antonio Gutiérrez. Estes partidos están a pensar no ben do conxunto da sociedade e non nos intereses partidistas e financeiros.

Ademais disto eu digo que, se España e o conxunto dos seus políticos, quere demostrar que aínda queda algo de democracia, esta reforma debería ser tombada no Senado e, desta maneira, demostrar que, aínda que en contadísimas ocasións, o Senado pode servir ós intereses xerais da sociedade e non das grandes empresas, da banca e do capitalismo.

NON Ó BIPARTIDISMO

A importancia da xuventude

En Galiza o Partido Popular non ten consideración pola xente nova. Desde hai dous anos o PP non fixo nada que nos beneficiase nin que contribuíse a prestar máis servizos, en cambio podemos citar a supresión da meirande parte das liñas de Noitebús, a lei de convivencia onde se solucionan os conflictos nas aulas con expulsións máis longas, inexistentes políticas de fomento do emprego xuvenil tendo a miles de parados menores de 30 anos e formados perfectamente, paralización dos locais de ensaio e gravación para @s nos@s artist@s musicais, reforma dos centro Quérote para financiar a unha asociación antiaborto, falta de promoción de vivendas públicas e un longo etc.

A situación da xuventude hoxe é moito peor cá de hai uns anos porque se pensa que a xente nova non importa ou, máis ben, que non interesa xa que non imos ir votar en masa. É precisamente por esta razón pola cal non gastan os cartos en políticas xuvenís.

Cando se criminaliza á poboación máis nova e non se lle ofrecen recursos e servizos para desenvolver as súas actividades, estas potencialidades botaranse a perder por falta de desenvolvemento, porque llas estaremos limitando e cortando. Pensemos un momento.
Cando se constrúe un centro social, casa da xuventude, etc estase a crear unha instalación que permite á xente máis nova ter un lugar para desenvolver as súas capacidades sexan cales sexan (pintura, música, fotografía, escritura…) que xunto compaxinadas cunha boa programación cultural e deportiva, potenciarán a creatividade e as súas potencialidades.
Cando se constrúen vivendas de promoción pública, estase a dar a oportunidade para que moitos mozos e mozas poidan emanciparse e ter a unha vivenda digna, xa sexa en réxime de alugueiro ou compra.
Cando se apoia o asociacionismo estamos apostando pola autoorganización polo autodesenvolvemento propios.

Podería seguir enumerando exemplos de todo canto non se está a facer desde a Xunta de Galicia por mor da “austeridade”.
Realmente queremos que nos nosos concellos deixen de lado ou continúen a se deixar de lado as políticas xuvenís? A resposta é sinxela. O 22 de maio Vota!! entre tod@s podemos facer que a situación dos nosos concellos cambie, porque alí onde está o BNG a mocidade non é un estorbo, non se lle ignora. Faite escoitar e pensa que hai un partido que conta contigo.

Quero unha política diferente

Eu non fun! foi Pepito!” ou “pero el máis!” son as expresións que adoita empregar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Non as usa literalmente pero é o trasfondo dos seus discursos no Parlamento galego e nas súas intervencións públicas.

Parece que todo o que lle acontece a Galiza e á cidadanía é culpa do terrible goberno español, xa que parece que é quen nos goberna, porque Galicia non ten goberno propio para as cousas malas. Mais cando hai unha boa nova no país, si parece que temos un goberno propio ó que lle debemos agradecer o mérito. Os dous primeiros anos todo era culpa do bipartito, tras estes dous anos de crítica e de destrución de todo o feito agora tócalle ó goberno central.

O anterior reflicte a falta de responsabilidade do Partido Popular, xa que é intolerable que se lle bote a culpa de todo o que nos pasa ó goberno do Estado (que en parte tamén a ten, pero non toda) e non se intente facer nada desde o pouco autogoberno que presenta o noso país. Así, parece ridículo queixarse das poucas competencias que posuímos en materia de emprego pero que se neguen a reformar o Estatuto de Autonomía para avanzar cara un país con máis autogoberno e que os problemas que nos afecten se poidan solucionar desde Santiago e non desde Madrid. Desta maneira, mentres o PP está atarefado con demostrar que o presidente Zapatero é un homiño con cornos de cor vermella e un tridente, en Galicia segue medrando o paro dunha forma xigantesca.

Non creo que o noso país mereza un goberno e un presidente como os que por desgraza temos. Non merecemos ter un presidente que se vaia tódolos meses fóra do país para facer campaña política noutras comunidades e se esqueza do cargo que ten e das súas responsabilidades. Un goberno que menospreza cuestións como a lingua, a cultura e ás súas figuras máis emblemáticas non pode guiar o noso futuro. Uns conselleiros e conselleiras que ante un problema só dean escusas e non intenten amañalo.

A pesar diso hai partidos en Galiza que tentan sacar as cousas adiante e traballan por e para o pobo galego. Convido a que miredes o seu traballo e pensade de cara as próximas eleccións. Ides premiar a uns dirixentes incompetentes que non tentan solucionar nada ou, pola contra, darédeslle unha oportunidade a quen o pode facer ben, pensando na sociedade e dun xeito diferente?

Estase estragando o noso patrimonio natural

En Galicia contamos coa planta de “reciclado” que é Sogama que acolle practicamente á totalidade dos 315 concellos que conforman o país. Este modelo centraliza todos os refugallos da cidadanía, co conseguinte custo en transporte e coa saturación desta planta desde fai moito tempo. Esta saturación é tal, que o macrovertedoiro de Areosa, que ten ao lado está a punto de encherse.

Agora abriuse o debate de que hai que facer outra macroplanta no sur de Galiza para desconxestionar a Sogama e poder reducir custes de transporte.

Todos os que pensemos que este país é unha xoia natural a preservar, ven nisto un despropósito. As causas de que os partidos políticos da oposición, ecoloxistas, parte da cidadanía… nos postulemos en contra non son outras que estas plantas van no sentido contrario a onde debéramos, que é a Reducir, Reciclar e Reutilizar.

Sogama e a nova planta de “reciclado” que pretende construír a Xunta no sur do país non é máis que unha incineradora onde se queiman todos os residuos para poder crear enerxía eléctrica (nun país que somos potencia en enerxías renovables e, polo tanto non contaminantes).

Desde grupos ecoloxistas e grupos políticos estase a pedir unha reflexión en profundidade se é ese o modelo que queremos para os próximos anos. Estes grupos están dando a alternativa, que é apostar polas plantas de reciclaxe comarcais. Estas plantas acollerían os residuos a nivel comarcal e conseguiríase así, unha taxa de reciclado e revalorización do lixo. Este modelo xa está probado e funciona moito mellor (medioambientalmente falando, xa que a taxa de reciclado é maior) que o actual sistema de centralizar. Ademais que coas diversas plantas esparexidas polo territorio, crearíanse postos de traballo en diversos lugares e non todos nun só municipio.

Este é un debate que nos afecta a todos, queremos camiñar cara un país sustentable ou cara un país onde se siga apostando pola contaminación?

Os organismos e os conflitos

Como ben sabedes no planeta Terra no que vivimos existe unha organización creada despois da 2º Guerra Mundial para diversas cousas, entre elas, están dúas principais que cito textualmente da Carta das Nacións Unidas:

1. Manter a paz e a seguridade internacionais, e con tal fin: tomar medidas colectivas eficaces para previr e eliminar ameazas da paz, e para suprimir actos de agresión e outros quebrantamentos da paz; e lograr por medios pacíficos, e de conformidade cos principios da xustiza e do dereito internacional, o axuste ou arranxo de controversias ou situacións internacionais susceptibles de conducir a quebrantamentos da paz;
2. Fomentar entre as nacións relacións de amizade baseadas no respecto ó principio da igualdade de dereitos e a da libre determinación dos pobos, e tomar outras medidas adecuadas para fortalecer a paz universal.

Por estas cousas eu hoxe pregúntovos se a ONU serve para algo na realidade. Xa sabemos que as cousas sobre o papel están moi ben e son moi fermosas cando as imaxinamos, mais cando as queremos poñer na práctica, non todo funciona nin é tan fermoso e sinxelo como plantexáramos no papel.
A ONU, na miña máis sincera opinión, non ten o poder suficiente para poder executar os seus dous principios fundamentais e principais. Pero hai organismos que si teñen poder diplomático suficiente como pode ser EE.UU ou a Unión Europea que por intereses propios evitan posicionarse. Isto é algo que todos e todas vós podedes comprobar. Para esta comprobacións só teño que citar Sáhara e Palestina (por ser os máis coñecidos) ou as Coreas.
Se pensamos nestes dous territorios que están nun conflito bélico permanente desde fai décadas, non vemos que a solución ós conflitos (ambos por cuestións de territorio) estea próxima.
Cada vez que vemos unha noticia nos informativos sobre novos ataques, o máximo que a ONU fai é recriminar unha actuación da parte que cometeu o ataque. Non esixe responsabilidades, non fai forza para que pare, nin implica a outros estados para forzar a unhas negociación diplomática e arranxar o conflito dunha vez por todas.
Ante o recente ataque que houbo no Sáhara, nin a ONU, nin a Unión Europea, nin ningún outro organismos fixo nada (nada práctico) para que este conflito se amañe. O único que fixeron foi o que levan facendo anos para lavarse as mans e non ter remordementos de conciencia, recriminar o ataque e máis nada, sen aplicar ningún tipo de castigo nin esixir responsabilidades deixando que o conflito siga adiante.

Por todo isto, eu penso que se estes organismos, ou ben non poden (ONU) ou ben non queren amañar os conflitos de maneira definitiva (EE.UU, UE).